MAR ABERTO, UN FESTIVAL ÚNICO

Mar Aberto é unha experiencia máxica que terá como escenario algún dos máis fermosos e impresionantes recunchos da costa galega.

Un ciclo de concertos íntimos con capacidade moi limitada e unhas propostas artísticas deseñadas para cada espazo que che permitirán gozar de actuacións únicas e irrepetibles.

Un concerto nun castelo ou á luz dun impoñente faro, unha viaxe en barco pola ría ou unha espectacular posta de sol sobre o Atlántico, son algúns dos momentos exclusivos que poderás vivir en Mar Aberto.

Unha fusión perfecta entre patrimonio, paisaxe, cultura, gastronomía e música; unha experiencia inesquecible para os cinco sentidos.

LOCALIZACIÓNS E ESCENARIOS 2024

MOBILIDADE E SUSTENTABILIDADE

Mar Aberto é un festival único que che permitirá gozar da música, da natureza, da paisaxe e do patrimonio nalgúns dos recunchos máis fermosos da costa galega, lugares incriblemente máxicos.

O noso compromiso coa contorna é unha prioridade e, por iso, cada detalle do noso festival está pensado para reducir o impacto ambiental e facilitar a accesibilidade.

A túa colaboración é fundamental para conseguilo.

CANTO CUSTAN AS ENTRADAS?

NADA. Mar Aberto é o primeiro festival no que só pagas se non vés. Ao reservar as túas entradas, a plataforma de venda realizará un cargo de 15 € por entrada na túa tarxeta (17 € se escolles a entrada con autobús en Corrubedo e 20 € para a combinación barco/autobús ou autobús/autobús en Ferrol) en concepto de fianza e poderás descargar as túas entradas con normalidade.

Se vés ao concerto e validas a túa entrada, a plataforma devolverache os 15€ (17€ se escolles a entrada con autobús en Corrubedo e 20€ en Ferrol) automaticamente nun prazo máximo de 5 días.

Se optas por non vir ou non usar o transporte que reservaches, NON se devolverá o diñeiro.

ONDE PODO RESERVAR A MIÑAS ENTRADAS?
Podes reservar as túas entradas na web oficial do festival, www.festivalmaraberto.es, a través da plataforma Woutick. NON HAI OUTRO PUNTO DE RESERVA OFICIAL. As entradas adquiridas en plataformas de revenda non garantirán o acceso ao recinto.
HAI UN ABONO PARA TODOS OS CONCERTOS?
Non, non hai abono, cada concerto ten a súa propia entrada independente.
PODEN ACCEDER MENORES DE 18 ANOS?

Os menores de 18 anos deberán acceder coa súa entrada e cunha autorización asinada polos seus pais/titores legais que se pode descargar aquí. Os menores de 15 anos, ademais deberán ir acompañados dun adulto responsable.

HABERÁ ZONA DE GASTRONOMÍA?
Si, contaremos cunha barra en cada concerto onde poderás mercar bebida e comida. Non está permitida a entrada ao recinto con comida nin bebida do exterior.
MAR ABERTO É UN FESTIVAL ACCESIBLE?

Si, todos os espazos son accesibles para persoas con mobilidade reducida. O noso plan de mobilidade implica o uso do transporte colectivo e gratuíto para as viaxes longas.

O último tramo de chegada aos faros será sempre a pé. As estradas estarán cortadas polo que se es unha persoa con mobilidade reducida, deberás indicalo á hora de facer a reserva para que che podamos chamar e explicar como chegar facilmente a cada recinto.

HAI APARCADOIRO NOS CONCERTOS?
Mar Aberto realízase en espazos moi diferentes, cada un coas súas características particulares. Podes consultar esta información na sección ‘Como chegar’ de cada concerto.
QUE PASARÁ SE HAI MAL TEMPO?
Os concertos en Mar Aberto celebraranse en enclaves naturais únicos polo que están moi expostos ás inclemencias meteorolóxicas. En caso de choiva dispoñeremos dun escenario cuberto, e o concerto poderase facer igual. Se as condicións meteorolóxicas son moi adversas, o concerto terá que ser aprazado. Neste caso daremos a opción de reembolso íntegro da entrada a todas aquelas persoas que así o soliciten.

Se tes algunha outra dúbida podes escribirnos a info@maraberto.es e o noso equipo responderá canto antes.