Despois dun ano de traballo e a satisfacción de esgotar as entradas dispoñibles en apenas 30 minutos, estabamos a desexar que chegará este día… Todo preparado para o primeiro gran concerto do Festival Mar Aberto 2023 !!

Se xa tes a túa entrada, nesta noticia contámosche todo o que tes que saber para gozar ao máximo de Mar Aberto.

Espérate un festival singular, unha experiencia única que ten lugar nalgún dos recunchos máis bonitos e impresionantes da costa galega, e que nesta ocasión, brindarache a oportunidade de gozar dun concerto no impresionante Arsenal Militar de Ferrol.

A apertura de portas será ás 19:45 horas.

Propoñémosche chegar a pé, dando un pequeno paseo desde calquera punto do centro de Ferrol, onde poderás estacionar o coche sen problema. O acceso do público ao Arsenal realizarase pola porta da Cortina. Na entrada o noso persoal de seguridade validará a túa entrada. Podes traela no móbil ou impresa, como prefiras.

Cada entrada ten unha cadeira asignada. Podes ver a fila e número da cadeira na túa entrada. Atopala será sinxelo posto que cada cadeira ten a numeración na súa parte posterior. Se non atopas a túa cadeira ou tes calquera dúbida consulta ao noso persoal de atención. Estamos para axudarche !!

Ás 20:30 horas comezaremos cunha sesión da man de Señora dj, creando un momento de desconexión que che permitirá fusionarte coa paisaxe e a contorna do Arsenal.

Ás 21:00 horas comezará a actuación Amaro Ferreiro.

A música de Señora dj soará de novo mentres facemos un rápido cambio de backline, momento que poderás aproveitar para gozar da nosa proposta gastronómica na zona chill out.

E ás 22:00 horas, a música volverá ao escenario de Mar Aberto coa actuación da artista internacional Julieta Venegas.

Finalizado o concerto poderemos gozar dunha última sesión de Señora dj.

O parte meteorolóxico prevé unha temperatura media de 25 graos para a tarde. Caída a noite a temperatura baixará un pouco pero manterase en 21 graos. Con todo, se refrescase un pouco poderás abrigarte coa mantiña que atoparás na mesas auxiliares que situaremos diante das cadeiras. Lembrámosche que as mantas non se poden levar, polo que che agradecemos que se a utilizas a deixes ao final do concerto na túa cadeira.

Sobre as 22h/23h o parte dá posibilidade de choiva… pero non te preocupes, estamos preparados para iso !! e colocamos unha carpa que nos resgardará da choiva se finalmente chega.

Esperámoste esta noite, en Mar Aberto, para vivir unha experiencia única na fin da terra.